O servizo de glamping será un valor engadido para o público, que poderá estender a súa experiencia gozando das paraxes singulares da Ribeira Sacra durante a súa estancia.
O Festival 17° Ribeira Sacra, que celebra a súa oitava edición do 26 ao 28 de xullo, acaba de poñer á venda un novo servizo de glamping coa empresa DOMO Camp, que estará situado nas piscinas de Sober. Este valor engadido permitirá ao público do festival gozar a súa estancia en plena natureza coas mellores comodidades. As reservas poderanse realizar desde a web do festival.
Este servizo eleva a experiencia de vivir un festival boutique como o 17o Ribeira Sacra aloxándose nun enclave natural e unha excelente localización que permite reducir distancias aos diferentes espazos onde se desenvolve a programación do festival.
Así mesmo, o festival volve contar cun plan de mobilidade, cuxos billetes xa se atopan dispoñibles tamén na súa páxina web, que permiten reducir o impacto e que circulará polos diferentes escenarios do festival.
O festival acaba de anunciar a programación musical por días e puxo á venda as entradas diarias para acceder aos concertos programados no recinto principal, situado nas Bodegas Regina Viarum. Por tanto, o venres 26 de xullo, neste escenario tocarán Queralt Lahoz, Carlangas e Los Cubatas e Faneka; mentres que o sábado 27 tocaralle a quenda á banda británica Morcheeba, Say Yes Dog e Glassio.
The Parrots estarán o venres 26 no Escenario Momentos Alhambra, situado no Miradoiro de Santiorxo, Doutor Explosión subirá ao escenario nas Adegas de Vilachá o sábado 27 e Mondra pechará o festival o domingo 28 en Chantada.
Aínda quedan abonos dispoñibles para poder gozar da programación musical completa. Mentres tanto, durante as próximas semanas iranse desvelando os restantes piares que completan o festival: arte, gastronomía e terra; esta última cobre as experiencias vinculadas ao territorio. Por esta razón, 17o Ribeira Sacra denomínase como “festival de experiencias”, xa que o público cada ano vive unha experiencia completa á vez que descobre a riqueza paisaxística dun territorio que é candidato a Patrimonio da Humanidade.
O festival volve contar con Cervezas Alhambra como patrocinador principal, que busca sempre xerar instantes únicos que conviden a gozar dunha Alhambra coa mellor banda sonora de fondo. Así mesmo, tamén recibe o apoio de institucións e colaboradores entre os que destacan a Xunta de Galicia, os concellos de Sober, Chantada e A Pobra do Brollón, así como as Bodegas Regina Viarum, escenario principal do festival, entre outros.