Estes nomes súmanse a Carlangas y Los Cubatas, Say Yes Dog, Glassio, The Parrots, Mondra, Faneka e Doctor Explosión que se darán cita en diferentes escenarios da Ribeira Sacra do 26 ao 28 de xullo.
O Festival 17° Ribeira Sacra celebrará a súa oitava edición do 26 ao 28 de xullo. Despois de levar o premio ao Best Small Festival na cerimonia dos Iberian Festival Awards, celebrada o pasado 15 de marzo en Granada, o festival galego incorpora ao cartel musical deste ano á banda internacional Morcheeba, así como á artista catalá Queralt Lahoz.
Ambas confirmacións únense aos nomes previamente anunciados: Carlangas y Los Cubatas, Say Yes Dog, Glassio, The Parrots, Mondra, Faneka e Doctor Explosión.
A banda británica, formada por Skye e Ross, traspasou fronteiras coa súa música de estilo electrónico e orgánico que tanto lles caracteriza. Blackest Blue é o décimo álbum de estudo da banda e profunda na alma da súa herdanza musical de mestura de xéneros.
Polo seu lado, Queralt Lahoz postúlase como unha das artistas con máis presente e futuro de toda a escena nacional, abandeirando unha das propostas musicais máis rompedoras e atractivas do momento, na que combina soul, hip hop e dancehall.
Durante as próximas semanas iranse desvelando os restantes piares que completan o festival: arte, gastronomía e terra; que presenta as experiencias vinculadas ao territorio. Por esta razón, 17o Ribeira Sacra denomínase como “festival de experiencias”, xa que o público cada ano vive unha experiencia completa á vez que descobre a riqueza paisaxística dun territorio que é candidato a Patrimonio da Humanidade.
Este marco natural incomparable acolle os diferentes escenarios singulares do festival que se situarán nas Adegas Regina Viarum, como recinto principal, as centenarias Adegas de Vilachá, o Miradoiro de Santiorxo – Escenario Momentos Alhambra -, ou Chantada.
Os abonos para esta oitava edición atópanse á venda en festivalribeirasacra.com e, proximamente, poñerase ao dispor do público as entradas para as experiencias, así como para o transporte do festival, no marco do seu plan de mobilidade.
O festival volve contar con Cervezas Alhambra como patrocinador principal, que busca sempre xerar instantes únicos que conviden a gozar dunha Alhambra coa mellor banda sonora de fondo. Así mesmo, tamén recibe o apoio de institucións e colaboradores entre os que destacan a Xunta de Galicia, así como as Adegas Regina Viarum, escenario principal do festival, entre outros.