iRadia Crea

O FIV de Vilalba pecha con éxito a súa 17a edición

Os concertos encheron a carpa do Escenario Vibra Mahou, así como as actuacións do Escenario Emprazadas congregaron numeroso público, esgotando abonos e entradas de sábado.

O Festival Independente de Vilalba volveu vibrar esta vez recuperando o formato no corazón da vila. Esta mañá, a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, e o director da promotora I-radia Crea, Carlos Montilla, fixeron balance da 17a edición celebrada a pasada fin de semana e que deixou inaugurada a tempada de festivais en Galicia. Con abonos e entradas de sábado esgotados, o festival acolleu preto de 6.000 persoas entre ambas xornadas, que acudiron aos concertos programados no Escenario Vibra Mahou e no Escenario Emprazadas o sábado 27. As cifras resultaron altamente optimistas a pesar das inclemencias meteorolóxicas. Ademais, o cambio de localización conseguiu o obxectivo buscado, integrar o comercio local e a hostalería dentro do festival.

As actividades complementarias deron inicio á primeira xornada no Parador de Vilalba coa gravación do programa de Café Derby 21 con Nuno de Grande Amore como convidado e a degustación de Vermú Arnao. 

No Escenario Vibra Mahou déronse cita grandes nomes do panorama musical indie, coa presenza de Mondra, Veintiuno, Dorian, Grande Amore e Eme DJ o venres e de Lontreira, Niña Polaca, Iván Ferreiro, El Columpio Asesino e Serial Killerz o sábado. Señora DJ amenizou os descansos entre concertos no Espazo Vibra Mahou ambos os días.


O Escenario Emprazadas, trasladado pola choiva ao Auditorio Municipal, congregou centos de persoas para ver a actuación, xa convertida nunha tradición do festival, da Banda de Música de Vilalba, que tocou temas dalgúns dos grupos do cartel deste ano e hits de Beyoncé ou Tina Tuner, entre outros clásicos.
O Concerto Vibra Mahou con DeNinghures, así como a sesión de Grande Osso ao mediodía e o Karaoke FIV Stars con Esteban, fixeron as delicias do público que alongaron a festa ata case a apertura de portas do recinto principal. Más dun 80% dos asistentes chegan doutros puntos de Galicia, gran parte provén das provincias de Lugo e A Coruña, seguidos das provincias de Pontevedra e Ourense. 

Este ano, máis de cen persoas tamén chegaron doutras rexións como Asturias ou Madrid. Estes datos reflicten o positivo impacto económico para a localidade, que supera os 180.000 euros nesta edición, e que atrae numerosos visitantes, xerando un aumento do emprego directo e indirecto, esgotando as prazas hostaleiras desde hai meses e incentivando o consumo no comercio e hostalería local. O festival, xestionado por primeira vez desde a promotora I-radia Crea, agradece todo o apoio ofrecido e a implicación das institucións e patrocinadores que axudan a levar a cabo este formato que se converteu nunha das citas ineludibles da música indie no país. Principalmente ao seu patrocinador principal, o Concello de Vilalba, así como aos patrocinadores: Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que impulsa os encontros en torno ao directo, Grupo Lactalis, Diageo, Cholo Construcións, Arnao Vermú, Gadis e Labauh.