Jazz ao Norte converte A Ferrol na capital atlántica do Jazz
O festival Jazz ao Norte, organizado polo Concello de Ferrol, despediuse o sábado con gran éxito de público, ao esgotarse as entradas e os abonos para os tres concertos de pago. En total, arredor de 1.500 persoas pasaron polo castelo de San Felipe, o cuartel de Dores (no que houbo dúas sesións) e o parque Raíña Sofía durante as tres xornadas. Andrea Motis abriu o programa o xoves 29 na fortaleza cun recital ao que a maior parte dos espectadores acudiron en barco dende o peirao de Curuxeiras. Os asistentes tiveron a oportunidade de visitar o castelo e os seus novos espazos expositivos nos momentos previos ao espectáculo da intérprete catalana, no que se escoitaron sons que variaron entre o jazz máis clásico e a bossa nova.
O venres Luísa Sobral aportou novos matices ao festival co seu estilo personalísimo. Foi no cuartel de Dores, que se estrenou con Jazz ao Norte como espazo para concertos grazas á colaboración da Armada. A portuguesa logrou o aplauso unánime dos presentes. Tomou o relevo, o sábado pola tarde, a galega Antía Muíño. No que foi o único concerto gratuíto das tres xornadas, encheu de música o parque Raíña Sofía unha semana despois de actuar no Jazzaldia de San Sebastián.
José James foi o encargado de pechar Jazz ao Norte cun concerto enormemente aplaudido polo público congregado de novo no cuartel de Dores. A aparición do orballo cara o final non impediu que o estadounidense e a súa banda continuaran o espectáculo, feito que foi moi celebrado. James viña de triunfar tamén no certame donostiarra os días anteriores coa súa homenaxe a Bill Withers.
O obxectivo de Jazz ao Norte era unir música e patrimonio para, entre outras cousas, poñer este último en valor. Por ese motivo o Concello apostou por solicitar a inclusión do cuartel de Dores entre os espazos para a súa celebración, primeira vez que se abría ao público e unha proposta que a Armada acolleu con entusiasmo. O festival nace cunha vocación internacional que se reflectiu no seu cartel e coa aspiración de converter Ferrol en referente dentro deste estilo.